Muchos años despues, frente al pelotón de fusilamientoGabriel García Márquez

Sentado no coche na Foz do Douro. Ao pé da Praia dos Ingleses. Un martes calquera e á media luz da tardiña.
Vai fresco. Un desacostumado fresco que discrepa con estes días de finais de agosto en que abrimos o baúl dos abelorios da viaxe para ver o que dan de si. Visto a chaqueta mentres escribo entre dentes, «Andaba meses agardando a oportunidade», e sorrío mainiño, «por unha vez a muller do tempo acertou na predicción», e proclamo aos catro ventos, «¡gracias, muller! gracias».
(Nubes de evolución alternando con claros, suave descenso de temperaturas, sen vento, sen chuvia, sen néboa. Só unha leve bruma que desaparecerá cando o sol consiga afirmarse no ceo.)
O clima perfecto para viaxar.
Sentado no coche e invadido de ansiedade pretendo deixar solucionados un par de cabos soltos antes de lanzarme a vivir o futuro. Neste capítulo de preparativos e próximo a desatar lazos apenas podo certificar dúas crenzas, unha, a de home, trivial pero case única seguranza da que podo dar fe, e non tanto pola pasaxeira cobertura exterior referida a un físico e unha sexualidade, no fondo aprendidos, como pola pertenza a unha especie animal de máis arriscada definición,
(Reino, Animal. Clase, Mamífero. Orde, Primate. Familia, Homínidos. Xénero, Homo. Especie, Homo Sapiens. Subespecie, Homo Sapiens Sapiens).
En fin, segunda certeza, este homo sapiens quererá viaxar no Douro e non ao Douro, que no Douro xa está, aí mesmo, a tiro de ollo, non precisa chegar a el na procura de ningunha quimera senón deixarse levar por el, viaxar nel, compartir vida con el. En realidade nin a, nin con, nin para, nin por. Só desexo perderme nunhas augas que a nai natureza quixo decorar de ouro. Renderme á implacable dictadura que o seu atractivo exerce sobre todo eu.
Non sei se os matices contribúen a dar luz pero decido ser fiel ás primeiras sensacións e avogo por que queden reflectidas no Caderno así como abrollan do máis dentro. Malia seguranzas, aquí na Foz e antes de pórme a andar as que mandan son as dúbidas. El, o homo sapiens que está a piques de inaugurar viaxe no Douro, o tipo que por cinco días pretende transformar o camiño en doutrina de vida, ¿será viaxeiro ou viaxante?, ¿camiñante ou viajero?, ou quizá, e xa que andamos por terras desta saudosa fala portuguesa, ¿será viajante ou un simple viajador?
(E xulga, «Viajador, ¡que fermosa palabra!»).
E insisto, ¡viajador!, querería saber facela miña, apropiarme dela, ser chamado ela, transformarme nela para sempre. Viajador, que fermosísima palabra...
E este home que non se sabe se viajador ou ordinario viaxeiro recoñécese, iso si, grande ignorante, e rendido á evidencia pide acougo a aquel que sempre está aí e só en contadas ocasións erra,
(viaxeiro -a adx. 1. Que viaxa, // s. 2. Persoa que fai unha viaxe, en especial cando esta é longa, // s. 3. Persoa que viaxa nun transporte público // s. 4. Persoa que relata unha viaxe),
ou sexa, viaxeiro e viaxante veñen sendo o mesmo individuo: o que viaxa. Mal negocio; o diccionario non asume novidades, só, e por momentos, unha mínima matización, viaxante (viajante, viajante), adxectivo, que viaxa moito. Logo, ¿todo se limita a unha inxenua cuestión de cantidade?, ¿quizá o viaxante supera ao viaxeiro só porque viaxa máis i este a aquel pola súa capacidade para chegar máis lonxe?, non, non pode ser, négome, este home que a pesar de si non chega ao sapiens sapiens e opta por un discreto e fraco sapiens opina que non é así, que non debería ser así.
Que desexa con toda a alma que non sexa así.
E trala sorpresa un segundo significado, este si, cunha coñecida pero non por iso menos atractiva connotación, viaxeiro (viajador, viajero), persoa que relata unha viaxe. «¡Vaites!», comenta agradecido nesta ocasión un reconfortado viaxeiro, «curioso redescubrimento, ¿non é?, así que tan só se trataba diso: neste mesmo instante, sentado na comodidade do sofá e a carón do lume, abstemio de sensacións pero coa copa de viño na man degustando a súa cor, co ordenador sobre as pernas e sentindo a súa caloriña nas coxas mentres tecleo tecleo, mentres ti les les, neste preciso momento ti e mais eu, anónimos pero irmandados un ao outro, posuímos unha boa parte de toda a esencia dun viaxante de pro, ¡quen o diría!», suspiro, «estraño xeito este de viaxar i estraños compañeiros de viaxe as pantuflas e o ordenador.
...E ti mesma, miña querida lectora, sexas quen sexas...».
De tal modo, antes da partida e xa que o diccionario non colabora coa súa sagrada función de desvelar a identidade das palabras o home procura cargar a mochila cun algo de todo e moito de nada. Será viaxeiro e viajante, será viaxante e viajador, e tamén, e ao tempo de regresar de Miranda polos arribes del Duero, o home haberá de vestirse dun enxoito caballero castelán e, con el, de xenuíno viajero.
E fiel á proposta de vivir outras existencias verá de enfundarse unha inacabable sucesión de peles que tamén agora introduce no zurrón. Cando o necesite pasará por turista, noutras ocasións por camiñante, por exquisito gourmet, por lector inacabable e por navegante, tamén actuará de cociñeiro, e de ladrón, de ferroviario e de amante indisciplinado, disfrazarase de xente observadora e curiosa, de persoa atrevida e falangueira, de cigano ávido de crear camiños e dunhas migallas de inocente poeta, de home metade sabio metade burricán que non sabe máis alá da súa propia sona, de invencible pecador. E así, ás veces, cando non haxa máis remedio poida que se envolva nun chisco do seu propio entender para achegarse todo o que poida á imaxe de como el se imaxina a min mesmo.
Será todo o que anuncia e tamén máis.
Apunta o Viajante que a fin dunha viaxe é a penas o comezo doutra e o viaxeiro comenta para si que non pode máis que confirmar con humildade a sabedoría do mestre e pedir prestada para a intensidade do momento a rotundidade da sentencia. As viaxes, como os mellores soños, son recorrentes, sempre regresamos, e, cando non, son eles os que, teimudos, volven a nós. Pois si, meu, a fin dunha viaxe só pode encadearse como principio da próxima e no inicio desta, e dende a atalaia privilexiada da Foz na que á fin será o final, volto a vista atrás e prometo que si, que algún día haberei de volver a este mesmo Douro para así pechar o soño.
E o viaxeiro regresará. ¡Claro que regresará! Retornará a Resende en primavera para admirar as cerdeiras en flor, regresará en verán para gozar das mil e unha romarías en honor da Virxe María que salpican o ceo dun estoupido de mil e unha cores, e un outono calquera, para saborear cores no desborde da vendima, e tamén regresará en inverno buscando o sentir dun Douro enorme no seu máximo esplendor, poderoso, enchido, afouto, avasalador, inocente asasino cheo de auga a rebentar. O viaxeiro volverá para visitar, poñamos por caso, os restos arqueolóxicos de Foz Côa e bicar a avoa Amadora na fronte, para solicitar o favor de aprender desta extraordinaria muller a súa particular arte de entender a vida.
E xa próximo á partida o home viajero prega con insistencia a quen o lea que ninguén se deixe enganar, que isto no que agora andamos non é prefacio nin tampouco explicación, non procura un miserable intento de xustificación, non, por deus, porque co mestre de Trás-os-Montes confirma que ningunha árbore explica os seus froitos aínda que guste que llos coman, o viaxeiro non busca máis alá de quen con meco e ansiedade prepara o macuto para facilitar a dixestión, de quen completa as alforxas con tres ou catro anécdotas das que botar man nun momento de seca. De quen comeza por un principio como podería ter sido outro calquera, digamos por caso, aquel do Viajero,
Desde lonxe, chegando de España, Bragança é unha estrela de pedra na distancia.
Un adagio lento e suave que dea pé ao que espera do resto da viaxe, un andar de vagariño, ás veces en broma e ás veces un chisco máis en serio, de complicada definición.
Un pórtico á nosa particular gloria.

Antevéspera

Para entrar de Galicia a Portugal hai que facelo andando a vella ponte de ferro entre Valença e Tui. Antes non existía outro xeito de pasar o Miño. E aínda máis antes, nin iso. Pero os homes cruzabamos igual, nos dous sentidos, as xentes sempre atopamos o modo de estreitar o rego dos ríos para atravesar dunha beira a outra, para comprar e vender, para amar, tamén, ás veces, para alimentar vellos rancores.
Disque os ríos serven para distanciar as marxes,
(así como a espada de Tristán, aquel fío de auga cristalina esforzábase por tornar imposible o coito entre as dúas marxes, Torga, a propósito deste noso Minho),
os ríos, en efecto, afastan. Pola contra a terra, os montes e vales e por moito que nos empeñemos, unen. Poñamos por caso a Raia Seca. Os límites aquí ás veces confúndense, ou mellor aínda, digamos que todas as raias e como manifestación física non existen, só na imaxinación dos que cren nelas. Sen raias, os homes e as mulleres mestúranse, as árbores bícanse, as linguas confúndense, as peores bestas do monte procrean fillos comúns.
Camiñar pola ponte que separa Portugal da Galiza impón algo de respecto. É algo así como voar sobre as augas dun río inexistente, como andar coa imaxinación por riba destas lívidas augas, aínda máis, como soñar que o Miño, como arredamento, fose el mesmo unha alucinación.
Hai que sentar no peitoril coas pernas de fóra como canas colgadas a ver que pillan i escoitar os medos dos operarios que hoxe pintan a ponte,
Eh! señor senhor! que é o que pretende? Ande, homem, não me sexa temerário.
E alí sentado sobre este Miño tamén dourado recordar a viaxe de entón, a que aínda non era, os libros e mapas, as rutas, as paisaxes, as estradas, os olores e proxectos. Unha por unha tocar todas as ilusións.
Xa case non pasan coches pola ponte de ferro. Só camiñantes,
Avoa, avoíña, vostede, vai ou vén?
Mais a señora vestida de fatalismo cun pesado cesto de vimbio en perfecto equilibrio sobre a cabeza non contesta, ou si contesta, pero xusto nese momento un tren atravesa o ceo e así evita escoitar as palabras da muller.
Ademais de xentes de a pé en ocasións un tren cruza a vella fronteira para esfumarse, cos deveceres máis íntimos, na memoria soñada dos viaxeiros.
 

Subscricións

Subscribirse á Viaxe

Recibe as entradas por correo:

Buscador

tradutor

IcoTools

As Imaxes

Os Sons

Os Sabores

feedburner